Saturday 27 de April de 2024

A Xunta reforza a cooperación transfronteiriza coa incorporación a Ariem+ da ferramenta Ariem-Web


― Ariem-Web permite tomar decisións a través do intercambio de información sobre a xestión das emerxencias en tempo real

― Ariem-Plus investiu en tres anos preto de 4M€ na coordinación das emerxencias entre Galicia, Castela e León e o norte de Portugal

― O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no Porto na conferencia final Aliem Plus. Asistencia recíproca interrexional en emerxencias e riscos transfronteirizos

A Xunta de Galicia reforza a cooperación transfronteiriza coa incorporación da ferramenta Ariem-Web ao proxecto Ariem-Plus que comparten Galicia, Castela e León xunto co norte de Portugal na xestión das emerxencias.

Ao longo dos tres anos de funcionamento de Ariem-Plus, unha iniciativa pioneira na coordinación das emerxencias, investíronse preto de 4 millóns de euros no equipamento dos dispositivos de emerxencias que dan servizo a 579.000 persoas de 112 municipios en 18.000 km2 de extensión.

A este servizo súmase agora Ariem-Web, unha aplicación que permite coordinar as decisións dos responsables dos diferentes organismos de emerxencias a través do intercambio de información sobre a xestión do proceso en tempo real e desde o mesmo punto do dispositivo.

O reforzo da capacidade operativa dos Postos de Mando Avanzado e a aposta pola mellora da coordinación e manexo de información sobre emerxencias en tempo real, xunto coa capacitación dos profesionais de emerxencias de España e Portugal, sitúan a Ariem como un dos proxectos punteiros na coordinación supranacional en materia de emerxencias.

O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, puxo o proxecto interrexional como exemplo de cooperación. “No Goberno galego cremos que é fundamental sumar por vez de duplicar, para ser máis eficaces e eficientes”, subliñou.

Rueda participou no Porto na sesión de apertura da conferencia final Ariem Plus. Asistencia recíproca interrexional en emerxencias e riscos transfronteirizos, acto que compartiu co vicepresidente da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte de Portugal (CCDR-N), Bernaldino Pinto, e co director xeral de Medio Natural e Política Forestal da Xunta de Castela e León, José Ángel Arranz. No encontro tamén interveu o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, asistiu á súa clausura.